Gastronomía
O
grelo, ingrediente básico da cociña tradicional galega, é un dos nosos máis recoñecidos produtos. Así, a Feira do Grelo que se celebra dende 1981 coincidindo co Domingo de Entroido, congrega a milleiros de persoas de toda Galicia. Estas chegan ao municipio atraídas pola programación festiva e, sen dúbida, pola calidade dos grelos que nesta data se poñen á venda.
Os
cogomelos son protagonistas doutra das festas gastronómicas das Pontes. Durante toda unha semana do mes de novembro teñen lugar no municipio degustacións gratuítas, exposicións ou concursos de cociña, entre outras moitas actividades.
Neste repaso á gastronomía pontesa non poden faltar as
mantecadas e os
polvoróns. Estes doces son elaborados artesanalmente por varios establecementos da zona, segundo as receitas transmitidas de xeración en xeración.
Envíanos a túa receita
O teu é a cociña? Envíanos as túas mellores receitas elaboradas a partir dos nosos produtos típicos. Os teus pratos máis arriscados, os tradicionais, os novos sabores... todos serán publicados na web.
Revolto de grelos con xamón
Receita enviada por Mª Luz Rivera
Xa estamos no entroido e é hora de comer os grelos, por iso vou darvos unha receta saborosísima. Aí vos vai:
Ingredientes para catro persoas
- 1 mada de grelos
- 8 ovos
- 100 gr. de xamón en anaquiños pequenos
- 3 culleradas de leite
- 2 dentes de allo picados
Preparación
Cocer os grelos enteiros. Cando esteñan cocidos escurrilos ben e partilos en cachos. Nunha tixela bótase un chorriño de aceite de oliva e sofrítense un pouco os allos sen que collan cor. Logo incorpórase o xamón e por último bótanse os ovos batidos co leite. Refógase todo sen facelo demasiado para que quede esponxoso e xugoso.
(O leite nos revoltos fai que queden máis xugosos).
Espero que vos guste. Bo proveito.
Subir